No marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ponse en marcha a campaña “Os mellores homes que podemos ser”, dirixida á poboación adolescente e adulta, e especialmente aos homes e ao seu papel na loita contra as violencias machistas.
Os mellores homes que podemos ser apela á imprescindible concienciación e implicación dos homes, fomentando a construción de masculinidades que aboguen por eliminar calquera forma de discriminación e violencia contra as mulleres no seu entorno e na sociedade.
Con esta campaña procúrase fomentar entre os homes un proceso consciente de oposición aos principios, institucións, expresións e beneficios que se derivan dun ordeamento machista da sociedade.
Xogando cos Reels de redes sociais, moi de moda na poboación, a campaña anima á poboación masculina a verse reflectida nun modelo positivo de masculinidade, tratando así de xerar un pensamento preventivo e crítico fronte ás violencias machistas.
A cultura da violación é un termo empregado para referirse ás sociedades que normalizan a violencia sexual ignorándoa, minimizándoa ou fomentándoa con actitudes misóxinas. Consiste basicamente en normalizar calquera tipo de violencia sexual considerándoa algo cotián, negando a gravidade ou dano, culpando á vítima ou partindo dunha concepción estereotipada de como é unha agresión sexual ou como é un violador.
A cultura da violación foméntase a través das bromas, dos medios de comunicación ou de certa pornografía.
O acoso sexual ten moitas facianas. Non só é o exercido por un superior ou persoa de poder, que lle solicita á vítima subordinada un favor sexual a cambio de lograr un beneficio, senón que inclúe tamén as condutas exercidas por superiores ou compañeiros que crean un ambiente intimidatorio, hostil ou humillante.
Os homes deben responsabilizarse de denuncialo, e xogar un papel activo cando ocorren estes abusos. Enfadarse por estas situacións quedando calados non é suficiente.
Aínda queda moito por facer…
O número de mulleres vítimas de violencia de xénero aumentou un 3,2% en 2021, ata as 30.141. A taxa de vítimas de violencia de xénero foi de 1,4 por cada 1.000 mulleres de 14 ou máis anos. O número de vítimas de violencia doméstica diminuíu un 0,5%.
Mulleres vítimas mortais de violencia de xénero en España a mans das súas parellas ou ex-parellas
Durante o ano 2021, cada dia 446 mulleres denunciaron violencia de xenéro.
Comparte esta información: